Sunday 08 de September de 2024

En marcha a campaña municipal de desbroce na rede viaria


Invístense 140.000 euros para actuar en 300 km de estradas, 83 km de camiños forestais e 32 hectáreas de terreos.

O Concello iniciou a campaña de desbroce á que vai destinar 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais. Os traballos lévanse a cabo cada ano durante a primavera, o verán e o outono para eliminar a vexetación herbácea nas marxes das vías coa fin de mellorar a seguridade viaria ao facilitar o tránsito de viandantes, incrementar a visibilidade para os condutores e, ademais, previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede de estradas municipais.

Nesta primeira fase están actuando simultaneamente as tres empresas que resultaron adxudicatarias dos lotes referidos ás estradas de titularidade municipal, o que posibilitará axilizar os traballos ao intervir en diferentes localizacións ao mesmo tempo.

Os desbroces das cunetas comezaron na parroquia de Lestón e a semana que vén executaranse os mesmos labores nos accesos á praia de Caión, en Coiro e en Lendo. A continuación intervirase no resto das parroquias do termo municipal, estando previsto actuar en máis de 300 quilómetros de estradas municipais.

As outras dúas fases da campaña centraranse no acondicionamento de 83 quilómetros de pistas forestais e de 32 hectáreas de terreos e parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.